[Disclaimer: artigo alto en retranca, ofendiditos abstéñanse de ler]
E como todos din que saben e ninguén sabe nada, unha páxina de Internet dun tío que non ten nin puta idea vai lanzar outra proposta máis. De grandes propostas están os programas electorais cheos, ou como sexa o refrán.
Aproveitando que se quere facer saír dende Urzáiz por baixo da Avenida de Madrid, proponse aquí unha lixeira modificación da ruta para engadir dous PAETs subterráneos (un PAET, sigla de Posto de Adiantamento e Estacionamento de Trens é a estación Redondela AV ou a de Padrón - Barbanza (para os que estivéstedes nelas ou pasástedes por alí), pero sen andenes). Os dous PAETS irían debaixo do Hospital Álvaro Cunqueiro e debaixo dalgún punto preto do CUVI, podéndose engadir un terceiro PAET preto de Mos antes da integración en Porriño. Porque o único que sabemos, desa obra mística que algún día verán os netos dos meus netos, é que servirá para unir Vigo con Porriño mediante un túnel máis longo que o das Maceiras (que conta con nove quilómetros longos de lonxitude). Porén, por non saber, non se sabe nin por onde vai ir.
Así están as cousas. Mentres tanto, pan e luces, e ramplas, e turborrotondas, e beirarrúas bonitas, e Escobas de Ouro.
O papel, pois, aguanta todo. E tanto Vigo como os municipios do Miño poderían achegarse en tren de xeito rápido, cómodo e sustentábel á nosa Universidade e ao noso Hospital.
Pero o tío que escribe isto non ten nin puta idea. Sabe máis Ethel Vázquez...
No hay comentarios:
Publicar un comentario