miércoles, 15 de abril de 2026

Sobre a circulación exclusiva do Tranvía por determinadas rúas

Enumeramos por que rúas podería circular o tranvía de xeito exclusivo, cos axustes necesarios (zonas de circulación vehicular só para residentes, etc.)

1. Travesía de Vigo (Carrefour - Choróns)
Neste caso, pódese tirar a mediana e construír tres vías, deixando os laterais da rúa para vehículos automóbiles de residentes, así como taxis. Rematada a realización das tres vías, plantaríase herba na plataforma e colocaríase algún tipo de vexetal na parte superior, así como placas solares ao longo de todo o percorrido. Deste xeito, pola vía central circularían tranvías sen paradas (a uns 36 km/h de xeito constante, parando só nos extremos: Carrefour e Choróns), e polas laterais, tranvías con paradas, as mesmas que as de autobús. Débese facer unha excepción coa liña 31, dado que a C3 e a 5A pódense desviar, así como coa liña 24, se ben a súa taxa de uso en Vía Norte é máis ben baixa.

2. Fragoso e/ou Florida
A rúa da Florida, no seu treito entre a Praza de América e Manuel de Castro, é máis axeitada para a circulación exclusiva de tranvías que a rúa do Fragoso, porque por Florida circulan as liñas 5A, 11 e 29 (que se poden desviar por Fragoso), e só ten tres carrís (un nun sentido e dous no contrario), mentres que Fragoso ten dous carrís por sentido e apenas dúas liñas de seu: a 16 e a 23 (porque a U1 vai ao CUVI e non se pode un baixar dela, e a H1 vai ao Hospital Álvaro Cunqueiro).
O procedemento sería o mesmo que para a Travesía de Vigo e, asemade, permite que ao chegar a Manuel de Castro e Martín Echegaray, unha das vías suba, a outra baixe e a terceira continúe pola propia Florida, xa convivindo co autobús. Do mesmo xeito, pola vía central circularían tranvías sen parada, xa que ao ter dúas vías laterais non se pode acceder a ela dende as beirarrúas. En cando ao aparcamento disuasorio, pódese empregar un, existente nun terreo próximo ao Mercado das Travesas, chegando a un acordo cos donos, ou ben se pode buscar outro sitio.

3. López Mora e Pi i Margall
Por aquí apenas hai circulación, nin de autobuses nin de coches, dende que se prohibiu o tráfico polo Paseo de Afonso XII. Sería interesante deseñar unha liña de tranvía que teña dereito exclusivo de circulación dende o antigo convento do Barrio do Cura ata o lateral do Centro Comercial Camelias, derivándose o tráfico rodado polo túnel, que podería ser ampliado ao longo da Avenida de Castelao, se ben isto último é moi custoso.

4. Avenida de Europa
Neste caso instalaríase unha vía cuádrupla, polos 4 carrís, modificando o trazado do carril bici Teis - Samil, por exemplo, por Tomás Paredes e a Avenida Atlántida. Neste caso, o 15A e o C3 deben rematar en Navia, facéndose necesario un intercambiador no inicio da Avenida de Europa, na rotonda coa Circunvalación que vai dar á VG-20. Cuadruplicar a vía é unha opción interesante de cara á mobilidade en verán, e para a xente que queira vir de Ourense a Samil débense establecer servizos de transporte público dende a capital do Miño. Fóra de Galiza existen os chamados Trenes Playeros, con rutas como por exemplo Xixón - León, Santander - Palencia e semellantes, trens que adoitan saír a primeira hora da mañá da cidade no interior, e a última hora da tarde da cidade con praia. O mesmo debería aplicarse para os portugueses. En canto á entrada con coche a Samil, farase pola Avenida Atlántida ou por San Paio, facéndose necesario reformar esta estrada.
A vía cuádrupla ademáis permite servizos de maior velocidade non por unha, senón por dúas vías centrais, as mesmas vías que continuarían cara Castelao.

5. Avenida de Castelao
Sería unha continuación da vía cuádrupla da Avenida de Europa, se ben neste caso hai que inventarse algo para que os autobuses poidan convivir, ou desviar estes: por exemplo, o C3 de Coia dende Porriño baixaría Tomás Paredes e xiraría na rúa de Marín, como actualmente fai a liña 5B. Para as liñas 4 e 15, pódense modificar sentidos de circulación polo interior de Coia (rúas Baiona, Redondela, contorna do Parque da Bouza, etc.), dándose servizo deste xeito ao Campo Federativo de Coia.
Doutra parte, mencionouse a opción de prolongar o paso inferior de Praza de América e convertilo en túnel, ou ben para esconder os coches e que o tranvía circule en superficie, ou ben á inversa, xerando un treito “tipo metro” ou como o Szybky Tramwaj de Cracovia. Esta solución, porén, aumenta o custo considerablemente.

6. Gran Vía (Praza de América - Praza de España)
Aplícase o mesmo que para a Avenida de Castelao, se ben a licitación e a próxima construción das rampas do sistema Vigo Vertical dan poucas esperanzas de que se poida facer, polo que neste caso habería que soterrar, co correspondente custo.

7. Pizarro
Para este caso hai que acometer unha serie de desvíos das liñas de autobús que circulan por aquí, en dirección Choróns unha boa opción é por Puerto Rico e o Couto de San Honorato, malia as obras de humanización que están a acontecer na contorna de Reiseñor e San Roque. Outro desvío posible é pola rúa Filipinas, Gaivota e Gregorio Espino, ou ata Fernando Lago Olano e pola estreita estrada que comunica esta rúa coa rotonda da CIG.

8. García Barbón (cruce P. Sanz e Colón - Nó de Isaac Peral)
Para facer isto, como xa comentamos na anterior entrada, hai que acometer unha serie de desvíos polas dúas estradas paralelas existentes: Rosalía de Castro e a rúa do Areal. Unha vez garantido isto, pódese instalar vía cuádrupla en toda esta lonxitude, de novo co mesmo obxectivo, e garantindo que os residentes poidan saír e entrar nos seus garaxes.

9. Urzáiz (Cruce Gregorio Espino - Colón)
Implica modificacións maiores na rede de Vitrasa, como por exemplo que os autobuses que baixan ao Centro deixen de facelo, ou fagan un percorrido alternativo dende Choróns pola Travesía de Vigo, Vía Norte, Vázquez Varela, rúa Brasil, Gran Vía e ou ben por María Berdiales e o Progreso ata o Paseo de Granada ou ben directamente pola rúa Venezuela. A vía a instalar sería tripla por ter Urzáiz tres carrís. O obxectivo é que a xente que baixe do Calvario veña en tranvía ao Centro. Outra opción a considerar é cortar determinadas liñas que unen as parroquias co centro (como a 9B, que une o Centro con Candeán) e garantir transbordos nalgún punto (Jenaro de la Fuente ou os Choróns). No treito entre Choróns e Gregorio Espino, redúcese a unha vía dobre, desviándose a vía máis á esquerda en sentido subida cara os Choróns.

10. Estrada de Camposancos
Estrada construída sobre as antigas vías do Tranvía Vigo - Baiona, na que se poderían desviar a 11 e a 29 pola Estrada de Ricardo Mella. O problema é que a base de Vitrasa está nesta rúa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario