Aquí temos clara unha cousa: ou Vigo ten dúas estacións, ou non ten ningunha. Guixar debe ser mantida, máxime tendo en conta o acordo de investidura acadado entre BNG e PSOE, publicado polo BNG en PDF, no que se recollen as actuacións ás que se compromete o Goberno de España a cambio do voto favorable á investidura de Pedro Sánchez en 2023.
A aposta polo ferrocarril de proximidade entre Vigo e Pontevedra debe ser clara e manifesta, e ambas as cidades debemos unirnos nesta reivindicación histórica, negada en repetidas ocasións por Gobernos de toda cor, incluso con Abel Caballero como Ministro do ramo nos primeiros gabinetes de Felipe González.
De conseguirse, este ferrocarril de proximidade deberá, por unha banda, incluír a mencionada liña Vigo - Pontevedra, con todas as súas paradas intermedias (o novo apeadeiro de Chapela, Redondela, Picota, Cesantes, Arcade e Pontevedra, con viaxes ata Pontevedra-Universidade e incluso introducindo Marín na ecuación), ademáis dos posibles apeadeiros novos que se poidan crear (Teis, Rande), e tidas en conta as novas recollidas neste editorial, o ADIF está a cumprir coa súa parte.
Mais non debemos esquecer dous polos importantísimos da outra liña que se debe implantar: o Polígono de As Gándaras, considerado o Silicon Valley de Vigo, dada a cantidade de empresas do sector da informática e as comunicacións instaladas alí, e o Polígono Loxístico Industrial de Salvaterra e As Neves (PLISAN). No segundo xa se está a traballar nun acceso ferroviario ao mesmo, no marco das obras de modernización da Liña do Miño, e en canto ás Gándaras, a liña pasa por alí e, de feito, xa existe unha importante praia de vías destinada a transporte de mercadorías nesa zona. Cumpre a instalación dun apeadeiro alí, como xa dispoñen outras zonas industriais de España (Xetafe Sector 3, en Cercanías Madrid). Todo isto sen ter en conta que a parada de Louredo-Valos está a escasos 2 quilómetros do Aeroporto de Peinador. Polo tanto, é necesaria unha segunda liña que, partindo de Redondela, faga parada en Louredo-Valos, O Porriño, As Gándaras, Guillarei, Caldelas, Salvaterra e PLISAN, cun enlace en Guillarei á estación do centro de Tui, que perdeu o seu servizo trala supresión do Rexional Internacional Vigo - Valença. Isto como mínimo, posto que xa defendimos aquí que o núcleo de cercanías de Vigo debería chegar a Arbo e mesmo ser compartido con Ourense, dada a cantidade de xente de Ourense que fai a súa vida en Vigo. Hai que por en valor os pasos realizados polo ADIF neste sentido, mais non por iso debemos deixar de reclamar o que nos pertence, sexa na área de Vigo, na de Pontevedra, en Santiago, en Coruña (onde é unha demanda histórica unir por tren a cidade herculina con Arteixo), en Ferrol e en calquera punto da Galiza. Na Gudiña e en Sanabria, por exemplo, poderían adicarse tamén a protestar pola recuperación da vía convencional Sanabria - Ourense, ou pola mellora das conexións con Zamora por vía convencional, e non tanto por ir a Madrid.
Polo tanto, ¿É posible que o tren do 2030 se centralice en Urzáiz? Verémolo. A nosa opinión fica clara, nesta e en anteriores entradas.
O tren do futuro, non sen Guixar. Non sen Chapela. Non sen Redondela. Porque se Guixar desaparece, Redondela, a Picota e Cesantes tamén o farán.
Espero opinións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario