jueves, 23 de abril de 2026

A voltas con Cerdedo

[Disclaimer: artigo con moita retranca]

A chegada do AVE a Galicia (porque Galicia só é Ourense e Coruña, sendo ambas, a primeira a provincia enteira, e a segunda a capital herculina, grandes caladoiros de voto do Partido Popular. Por pura casualidade, recibiron a alta velocidade primeiro...), tramo da Vergoña mediante (un triplo carril entre o Cambiador de Ancho de Taboadela e a estación Ourense-Empalme) xerou controversia sobre como metelo no resto de cidades galegas (incluso hai un candente debate sobre a integración en Ourense). Igualmente falábase de integración en Vigo, integración en Pontevedra, integración en Lugo... Só nunha clase de Cálculo I ou II de Industriais se fala de integrais máis que nisto. Permítanme a brincadeira.

No seu día, Pontevedra propuxo a famosa variante de Cerdedo, que consiste en investir máis de dous mil millóns de euros en perforar os nosos montes para acadar unha redución de 20 minutos respeito do rodeo polo by-pass de Conxo (tramo en vía única que une o Eixo Atlántico coa L. A. V. Ourense - Santiago). A obra comezaría en Barro e remataría na contorna do Carballiño. Leva unha década nun caixón en Madrid, pendente do estudo de impacto ambiental (como se rebentar as montañas do Deza non impactase ambientalmente o suficiente...).

E pola súa parte, maldita hemeroteca, o ilustrísimo rexedor vigués criticou esta obra de pontevedrismo ilustrado, antiVigo e aliñada cos intereses capitalinos e composteláns en detrimento de Vigo (paradoxalmente, hoxe practica unha férrea defensa a tenor da posta en marcha da mencionada Variante, como tamén fai con Vitrasa, co Vigo Vertical, co Nadal..., acusando a páxinas de internet e críticos coa súa xestión de traidores antiviguesea).

Mentres uns se tiraban os trastos aos outros, técnicos sindicais varreron a casa: un estudo conxunto entre varios enxeñeiros de CC. OO. e a U. X. T., propuxo o que se coñeceu como variante de Mondariz ou do Tea, por circular polas terrazas deste río, contemplando a creación dunha subestación eléctrica e dunha parada de alta velocidade en e para Ponteareas. Uns e outros ignorárona, polo que sexa. En Ponteareas adoita (ou adoitaba) gañar o Bloque, pero quen son eu para instar a conspiracións políticas...

Hoxe, o Ministerio de Transportes, antes de Fomento, parece que se deu conta de que o que había que facer era practicarlle obras a unha esquecida liña decimonónica que só se tocou para electrificala (a 3.000 V c.c.) durante as grandes vagas de electrificación ferroviaria da década dos oitenta. Falamos, pois, da liña do Miño. Agora mesmo, entre Redondela e Guillarei está a ser ampliado o gálibo dos túneles, sendo o punto crítico o túnel dos Valos, con máis de novecentos metros; aliás, estase a unificar con Portugal a electrificación en corrente alterna a 25.000 V, 50 Hz, para que o despropósito de ter que queimar gas-oil porque as tensións de liña difiren aos dous lados da raia (alén de que nunca se prantexou empregar unha unidade bitensión e alén de que entre Guillarei e Valença vía Tui e Ponte Internacional non existe electrificación algunha) remate por fin. Descoñecendo a necesidade dunha cumbre hispano-lusa para poñérmonos de acordo á hora de electrificar unha ponte, por suposto.

Todo isto, por suposto, sen ter en conta outras actuacións no resto do noso país, coma o túnel do Oural na liña Monforte - Lugo, as obras de acondicionamento entre Ourense e a capital do Cabe ou a histórica demanda do tren A Coruña - As Mariñas, entre outras medidas.

E como diría Mariano Rajoy: de la Salida Sur, ya tal...

Fin de la cita.

No hay comentarios:

Publicar un comentario