miércoles, 8 de abril de 2026

Manifesto en defensa do Aeroporto de Peinador

Nos últimos días coñecimos a infame proposta do Clúster de Turismo de Galicia, un contubernio que reúne á patronal hostaleira e hoteleira galega, de reducir Peinador e Alvedro a meros hangares de avións chárter que só despegarían para viaxes de negocios, concentrando todos os voos de carácter turístico na Capital do Reino (Galicia, o bo camiño, que din por aí). Mentres as cifras demostran o contrario, aquí esgrimiremos un artigo de opinión moito máis mordaz do que vén de publicar FARO na súa edición do 7 de abril de 2026. Máis rotundamente, unha declaración de intencións, un manifesto, unha chamada á cidadanía para que reaccione fronte os abusos de poder perpetrados por contubernios burgueses con outro tipo de intereses.

A razón de fondo pola que se quere reducir Vigo a un depósito de avións é política. Vigo nunca votou o partido que leva 40 anos gobernando a Galiza con man de ferro (oito con Albor, quince con Fraga e dende 2009 ata sabe Deus cándo, co tándem Feijóo-Rueda). Partido, ademáis, que é herdeiro do Réxime que fixo construír, precisamente, a pista de Peinador a base de presos políticos, a non ser que se lle pagase un canon á Falanxe, claro. Como a xente que pagaba para comer carne en Semana Santa. Relixión de dúas velocidades. Pois Peinador, en efecto, nace do sangue republicán, socialista e anarquista que rega a terra viguesa, mosense e redondelá sobre a que se asenta o noso aeródromo; terra que, por certo, xa en 1820 berraba “Viva la Constitución” nunha Batalla de Pontesampaio na que os notábeis do Reino clamaban pola volta de Fernando VII, el Deseado. Ironías da vida, hoxe esa mesma terra leva vinte anos gobernada polo mesmo alcalde; ironías da vida, ese mesmo alcalde, coas súas eivas e os seus delirios, fixo máis por Peinador que ningún outro, e ironías da vida, as Rías Baixas son a primeira potencia turística do noroeste do Estado Español. Pero las ciudades industriales son feas.

Non votar, pois, ao partido que goberna a Galiza dende 1981 conleva, por exemplo, que fósemos unha das últimas cidades galegas en ter estación de autobuses, inaugurada a finais dos anos oitenta e hoxe collendo po e ferruxe. Polo menos serve de fogar para os sen teito cuxa existencia a Administración Municipal nega. Algo é algo.

Ser unha cidade obreira e de esquerdas conleva tamén que fósemos a maior cidade do Estado Español na que non se expedían permisos de conducir (había que ir a Pontevedra, e falamos dos anos noventa, non do Pleistoceno). Conleva que cada obra que fai a Xunta de Galicia en Vigo, curiosamente cada catro anos (polo que sexa) leve consigo a colocación de grandes vallas nas que se di “A XUNTA CON VIGO” (en maiúsculas, por se acaso), ou que na nova Estación Intermodal haxa catro logotipos da Xunta, a falta de un, para que pareza que están aí, cando a verdade histórica é ben diferente.

Peinador é un gran no cú, unha moa picada, unha pedra no zapato das elites afíns a San Caetano, que non soportan que unha cidade industrial, gris e fea (xa se sabe: Vigo trabaja, Orense reza, Santiago estudia y Coruña se divierte - y nosotros nos forramos a cuenta de chavales que hacen media jornada, 12 horas, por 700 euros al mes); cidade que non ten máis que un porto (que apenas move medio millón de contedores ao día) e unha fábrica de automóbiles (que apenas lidera a producción nunha multinacional con só catorce marcas de automóbiles) - fábrica, todo sea dito, traída polo Segundo Plano de Desenvolvemento de Laureano López Rodó, ministro do mesmo Réxime que construíra Peinador vinte anos atrás - superen a unha torre que lle dá luz a catro barcos ao día e a unha praia rodeada de edificios, e a outra “cidade” (se se lle pode chamar tal) que debe a súa existencia ao levantamento dun cadáver do que a Igrexa, sempre presente, vendeu que eran os restos dun apóstolo. Cidade cuxa universidade posúe graos de diferentes enxeñarías mentres esa mesma universidade lle nega Medicina a Vigo.
Polo que sexa.

Hai xente que a día de hoxe segue tragando co conto do apóstolo e con outros contos. Vigo, dende 1809, decidiu tomar outro camiño. E as elites de toda caste, sempre molestas, negáronnolo todo. Negáronnos o tren directo con Madrid (había que ir por Portugal), negáronnos calquera tipo de proxecto que non fose do interese dos sucesivos Réximes, negáronnos os tranvías nunha manobra caciquil que se estuda nas facultades de Dereito e de Ciencias Políticas do país, negáronnos ter un Goberno Metropolitano propio, negáronnos (como xa se mencionou) unha delegación da Direción Xeral de Tráfico, negáronnos unha Cidade da Xustiza propia, negáronnos unha universidade propia até 1991, negáronnos un hospital público en condicións (ao que a comida chega conxelada dende Valladolid e onde hai prantas desdobradas porque se demostrou que a capacidade quedou curta - y la diferencia, pa' la saca -). E agora queren negarnos Peinador: aeroporto que entre os tres aeroportos galegos ten a maior área de captación en tóda-las isócronas (búsquese en Google). E que ten un apeadeiro ferroviario a escasos dous quilómetros, co que se podería comunicar por outro tipo de transporte. Non convén. Non interesa. A decisión do Clúster do Turismo Galego é política activa e clara: Santiago e Coruña si, Vigo non. Todos sabemos que Alvedro foi mimado primorosamente pola Xunta e preferido fronte a Peinador. Que o Partido Popular supere o cincuenta por cento de voto nas eleccións autonómicas nas mesas electorais da cidade herculina non ten absolutamente nada que ver. Casualidades. Haga como yo, y no se meta en política, que diría Franco.

Mais o Pobo Vigués volverá a poñerse en pé as veces que faga falta. 

Peinador non se toca.

Peinador vive, la lucha sigue.

No hay comentarios:

Publicar un comentario