A primeira idea requeriría fabricar un segundo vehículo, de iguais características ao primeiro, para que faga o mesmo traxecto que o actual, pero no sentido inverso. O percorrido actual é Reitorado - Biblioteca - Económicas - Xurídicas - Químicas - CC. Mar - Enxeñarías - Teleco - Reitorado (sentido das agullas do reloxo). Polo que prantexamos aquí un percorrido en sentido oposto, dende o Reitorado saíndo cara Teleco, para baixar cara a Industriais (facendo parada ou ben no parking, ou ben na entrada da facultade). Despois tomaría a rotonda, onde collería a segunda saída para baixar cara a Ciencias do Mar, parando no lado oposto do paso de cebra, para continuar cara a Química e CC. Xurídicas, subindo a costa; unha vez alcanzada a facultade de Xurídicas, entraría polo aparcadoiro (hai un vial que permite a circulación inversa) e baixaría Económicas, para volver cara á Biblioteca. Un percorrido alternativo é mandalo por Filoloxía, que saia “fóra" do Campus e entre dende fóra na Residencia. Dende aí, podería baixar de novo a Teleco ou ben ao Reitorado. Deberíase facer un estudo previo, claro está.
A segunda proposta é bastante máis ambiciosa, e consiste na (tan reclamada neste blogue) necesidade de unir o CUVI coas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, e para o caso, trátase de crear unha liña CUVI - Hospital Álvaro Cunqueiro (en diante “HAC"). Aquí xorde un problema principal: a autonomía do vehículo autónomo conectado, que debería facer viaxes en probas, para coñecer o gasto de batería, en baleiro e en carga, que supón circular entre estes dous puntos.
Un dos puntos a favor que se resaltaron dende o CTAG foi a oportunidade de facer circular un vehículo destas características nunha contorna real de tráfico, polo que enviar outro vehículo así, de condución automática e conectado, por unha estrada tan concorrida como é a de Clara Campoamor, abriría novos horizontes á mobilidade autónoma. No tocante á alimentación, deixo dúas propostas no aire: a primeira consiste en instalar catenaria flexible, de tipo tranviario, no tramo da Estrada de Clara Campoamor entre CUVI e HAC: isto permitiría, mediante a colocación dun pantógrafo no vehículo, captar a corrente da liña área de contacto, resolvéndose así o tema da alimentación eléctrica. A outra idea consiste na instalación dun motor lineal, tecnoloxía que xa se aplica na liña Toei Oedo do Metro de Toquio. Isto implica unha fase de estudo máis longa, xa que o uso de motores lineales non é moi frecuente, ademáis dun proceso de obras máis arduo, xa que habería que eliminar asfalto para instalar o estátor do motor lineal ao longo de toda a Estrada de Clara Campoamor; sendo ambiciosos, ampliaríamos o Shuttle do CTAG ao longo de todo o percorrido desta estrada, en varias fases: a primeira ata o CEIP de Sobreira, a segunda dende alí ata o Hospital Álvaro Cunqueiro e a última ata a fin da liña.
Outra proposta de ampliación do Shuttle do CTAG, tan ambiciosa como a anterior, é realizar outra liña polo outro lado, entre o CUVI e Xestoso, de xeito cadenciado coas chegadas a Xestoso da liña 15B, para poderse transbordar desta ao Shuttle e dende alí ao CUVI.
Nin que dicir ten que se necesitaría un vehículo algo máis grande, pero un vehículo de oito prazas é menos que nada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario