sábado, 11 de abril de 2026

Un tranvía para ir ao CUVI


Ilustra a presente publicación a imaxe superior, correspondente ao Metrocentro de Sevilla, un tranvía de recente construción (28/10/2007) para prantexar aquí a continuación da entrada anterior. “Un tranvía para o CUVI... e para a Cidade Deportiva Afouteza” do Celta, e para o Mercantil, e para o Hospital Álvaro Cunqueiro, e para unir Stellantis co Parque Tecnolóxico e Loxístico (PTL)... E partimos de novo dende a estación que se situaría na Grada de Río, para facer circular este tranvía pola Rúa do Alcalde Portanet (en compensación por facer desaparecer os tranvías de Vigo o 31 de decembro de 1968); dende aquí, tórcese cara á dereita en dirección Pereiró, e nesta rotonda xira ata Clara Campoamor. Algo disto falamos xa nunha entrada anterior, pero sen ter en conta, nin o Estadio de Balaídos, nin Stellantis, nin todos os puntos que este tranvía uniría entre si. A partir de aquí, a obra é sinxela: en toda a lonxitude da Estrada de Clara Campoamor, construíndose catro estacións: unha no Hospital, outra no PTL, outra entre o CEIP da Sobreira e o Instituto de Valadares (aproveitando a ponte existente para cambiar de dirección cando se desexe), e a derradeira na actual mediana existente antes de entrar ao CUVI, de xeito que se asegure unha conexión coas facultades, por exemplo, mediante o Shuttle do CTAG do que xa falamos neste portal. A partires daquí, continuaría pola Circunvalación ao Campus Universitario até a rotonda de Filoloxía (“Horizonte para o Sol”). Daríase servizo tamén ao centro de datos ALTIA, situado na Estrada de Marcosende. O percorrido sería o marcado en azul celeste, que ten unha lonxitude de 2,5 quilómetros.

Unha vez aquí, continuaríase en dirección a Xestoso, con paradas na Cidade Deportiva do Círculo Mercantil, e en Viveiros ADOA (punto máis próximo á Cidade Deportiva Afouteza, do Celta), valorando a posibilidade de seguir ata Xestoso, rematando alí e facendo correspondencia coa liña 15B.

Imos computar o número de quilómetros da ruta, mediante Google Maps:

• O tramo entre a Estrada das Plantas, nº. 1, e Viveiros ADOA ten 3,2 km.


O tramo entre Viveiros ADOA e a rotonda “Horizonte para o Sol”, de Filoloxía, ten 1,4 km.

Xa sabemos da imaxe anterior que o tramo entre Altia e a rotonda de Filoloxía ten 2,5 km.

O tramo entre ALTIA e o CEIP de Sobreira ten 2,1 km.

O tramo entre o CEIP da Sobreira e o PTL ten 2,2 km.


O tramo entre o PTL e o Hospital Álvaro Cunqueiro ten 2,5 km. Se ben, o tranvía proxectado non entraría no Hospital (porque non cabe, as estradas polo interior do Hospital son moi estreitas, ata para os autobuses que entran nel); pararía fóra e accederíase ao hospital polas beirarrúas existentes.

E finalmente, ata Stellantis hai 5,2 km.

Polo tanto, estaríamos a falar de:
3,2 + 1,4 + 2,5 + 2,1 + 2,2 + 2,5 + 5,2 = 19,1 quilómetros (restando a entrada no H. A. C. e no P. T. L., falaríamos de entre 18,5 e 19 quilómetros, sendo unha liña ben longa). E agora falemos de tempos de viaxe. Se temos en conta paradas de entre dous e cinco minutos en cada unha das estacións intermedias (Balaídos e Xestoso non contan, ao seren cabeceiras), que son: 
• Portanet-Castrelos (ubicada ao final da Avenida de Portanet). Parada de 2 minutos (facultativa);
• Pereiró (no cemiterio). Parada de 2 minutos (facultativa);
• Clara Campoamor-Corredoura (no paso de cebra tras a rotonda con Corredoura). Parada de 2 minutos (facultativa);
• Hospital. Parada de 5 minutos, sempre;
• PTL, parada de 5 minutos nos cambios de turno (obrigatoria), e de 2 minutos o resto do día (facultativa);
• CEIP Sobreira. Parada de 5 minutos de 8 a 9, de 13:30 a 15:00 e o día de horario de tarde do IES de Valadares (obrigatoria polas mañás), e de 2 minutos o resto de horas e días (facultativa polas tardes);
• CUVI-ALTIA e CUVI-Sauces (daríase servizo a ese colexio). Ambas as paradas de 5 minutos polas mañás (08:00~15:00, obrigatorias), e de 2 o resto do día (facultativas);
• Mercantil (parada facultativa, 2 minutos);
• ADOA-Afouteza. Parada de 5 minutos durante o horario de traballo do centro e os días de adestramento do Celta. Resto dos casos, 2 minutos;
• Campo de Voo (de xeito opcional, ubicada no antigo campo de béisbol, 2 minutos cando se faga);
• Bembrive-Parque Forestal (ubicada na última parada do 15B en sentido ascendente, cara a Xestoso). 2 minutos, facultativa;
• e Puxeiros (Rotonda) (ubicada pasando a rotonda, en dirección Xestoso, cara ao final da liña). 2 minutos e facultativa.

Isto fai un total de 13 paradas para 19 quilómetros (cunha media de 1,46 km/parada), e un tempo de parada total entre os 29 e os 44 minutos, dependendo da hora do día e da pasaxe transportada (supoñendo que se fagan todas as paradas). Como velocidades medias tomaremos 20 km/h en núcleo urbán (entre Balaídos e a primeira parada de Clara Campoamor), 45 km/h na Estrada de Clara Campoamor (a máxima é de 50, e está controlada por radares), e 60 km/h entre CUVI-ALTIA e Xestoso (os autobuses van a 70 por aí, e é o límite na Estrada das Plantas excepto cando hai pasos de cebra, que se reduce a 30 e que cumpriremos xa que é onde colocaremos as paradas). Polo que:

• O primeiro tramo, de 3,2 + 1,4 + 2,5 km, faríase a 60 km/h, tardando un tempo medio de 7 minutos e 6 segundos.
• O segundo tramo (CUVI - HAC) de 2,1 + 2,2 + 2,5 faríase a 45 km/h, tomando un tempo medio de 9 minutos e 4 segundos.
• O terceiro tramo (HAC - Estrada de Clara Campoamor, 5) ten 3,9 km de lonxitude e faríase en 5 minutos e 12 segundos.
• E finalmente, na zona urbana ata Balaídos temos unha lonxitude de 1,3 km, a vinte kilómetros por hora, obtemos un tempo de 3 minutos e 54 segundos.

Isto fai un tempo aproximado de percorrido de 25 minutos e 16 segundos. Sumándolle as paradas (no mellor dos casos, 29 minutos, e no peor, 44) temos un tempo de viaxe total, de punta a punta, de entre 55 minutos e 16 segundos, e 1 hora, 9 minutos e 16 segundos, no peor dos casos. Se asumimos como tempo de viaxe unha hora, e asumimos recesos de sete minutos e medio en cada cabeceira, teríamos unha frecuencia de 1 hora e 15 minutos por vehículo, en vía única. Se mandamos tres vehículos tendo en conta os cruces, teríamos unha frecuencia de 25 minutos (ou de 30 se se alongan os recesos). Duplicando a vía en toda a liña, excepto Balaídos, Portanet, Pereiró e o tramo en costa de Clara Campoamor, poderíase mellorar a frecuencia ata os 15 ou mesmo os 10 minutos en horas punta. Dada a velocidade da liña, todos os pasaxeiros deben ir sentados, prohibíndose ir de pé, e as prazas sentadas dun tranvía articulado moderno estándar oscilan entre 50 e 60 (dous autobuses urbanos ou un interurbano, eliminando entre 10~12 e 50~60 coches da circulación, dependendo da ocupación dos mesmos).

En canto ao sistema de electrificación e o ancho de vía, dadas as velocidades altas e o número de curvas rápidas que se tomarían, optaríase por unha infraestrutura de 1435 mm (ancho internacional) a 1000 voltios como mínimo, con catenaria de tipo tranviario, sen necesidade de compensación mecánica ao non superarse os 100 km/h; se se quixese tal cousa, ademáis de carrís reservados sí que sería necesaria a compensación mecánica mediante poleas de compensación para o fío de contacto.

Así, describimos as características técnicas e pronosticamos uns tempos de viaxe aproximados. A duración das obras dependerá da implantación de vía simple ou dobre e das características construtivas das paradas intermedias (as de fin de liña deben facerse en fondo de saco, e as do HAC, PTL e CUVI deben permitir cruces). Na Estrada das Plantas e na Circunvalación do CUVI é recomendable a vía dobre.

Na rotonda entre a Circunvalación do CUVI e a Estrada de San Cosme poderíase instalar unha parada (“San Cosme”), para servir a esta parroquia, empregando o Shuttle do CTAG ou un microbús como enlace, sobre todo os domingos, que son día de feira alí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario