miércoles, 28 de enero de 2026

COMUNICADO: Reacción á folga do transporte na provincia da Coruña

Ante todo, dende República Olívica queremos manifestar que sempre apoiamos e apoiaremos os movementos da clase traballadora que padece abusivas condicións impostas por unha patronal que só pretende o lucro a calquera custo (monetario, humano, ambiental e material).

Na provincia da Coruña vénse vendo unha situación de folga no transporte de viaxeiros por estrada (é dicir, autobuses) dende hai uns meses. Hai quen di que ninguén gaña nada con isto; se ben é certo, tamén é certo que para que nunha provincia enteira, e máis nunha provincia como Coruña, poboada por máis dun millón de habitantes, se produza unha situación de folga sostida durante tanto tempo e que afecta non só aos servizos interiores (Urbano de Santiago, Tranvías de Coruña, liñas dentro da provincia) senón tamén a contratos da envergadura da concesión XG-817 e incluso a liñas de transporte por autocar cara ao resto do Estado español, pódese deducir que os traballadores e as traballadoras do sector non tiñan moito que perder.

Exposto o cal, e ante o descoñecemento da situación, hai outra folga que todas as viguesas e vigueses lembramos de preto, que mantivo o noso transporte urbán en situacións de paros parciais ou indefinidos durante case tres anos seguidos, e tras a que, ao final, as condutoras e condutores conseguiron ver materializadas unha parte importante das súas demandas. Aprendemos, pois, que a mobilización dunha clase traballadora organizada, forte e insubmisa fronte ao capital sempre repercute en beneficios para tal clase. A xornada de oito horas conseguiuse neste país tras a folga de La Canadiense en Barcelona, polo que dicir que ninguén gaña nada cunha folga, alén de desinformar, é simplemente negar a Historia (por non dicir que é un insulto á intelixencia). Ningún dereito se conseguiu pedíndollo por favor ás clases dominantes e ás diferentes manifestacións do poder (gubernamental, empresarial, xudicial, mediático, dixital, etcétera).

Dende aquí esperamos que as compañeiras da clase traballadora coruñesa amosen a súa solidariedade co sector do transporte de viaxeiros por estrada, e non podemos senón sumarnos ás peticións das empregadas e empregados que van á folga, e que, como moi ben se di no enlace anterior, son os que máis teñen que perder; igualmente, tamén son quen máis pode gañar, porque para manter dous meses longos de folga na maior provincia da Galiza, quizais xa non lles quede nada que perder.

Dito isto, mostramos o noso rexeitamento ante informacións nas que se diga que cunha folga non gaña ninguén.

Espiral Áurea, 28/01/26. 04:48 a.m.

No hay comentarios:

Publicar un comentario