domingo, 5 de abril de 2026

Sobre a recuperación do segundo rexional a Ponferrada

Estación de Barbantes (Ourense)

Vimos de coñecerpor varios medios, que Renfe recuperará a partires do 7 de abril, o segundo Rexional Exprés que unía Vigo con Ponferrada antes da pandemia de COVID-19. Segundo os medios citados nesta entrada, o tren sairía de Vigo ás 08:30, chegando a Ponferrada arredor das 14:00, e o tren de volta sairía de Ponferrada ás 16:05 para chegar a Vigo ás 21:33 horas da noite. Hai que dicir que comezará e rematará en Guillarei debido ás obras de mellora da infraestrutura entre Guillarei e Redondela, continuándose ata Vigo por estrada. É unha boa noticia para a mobilidade polo interior de Galicia, nomeadamente na provincia de Ourense, mais aquí consideramos que se ten que ir máis alá, comezando polo feito de que antes este tren era Vigo - León e León - Vigo. Mais, fóra diso, o asunto é que hai que profundizar na creación de servizos entre as estacións intermedias (Vigo - Ourense pola liña do Miño, Ourense - Monforte, con todas as súas paradas intermedias, e Monforte - Ponferrada, do mesmo xeito).

Dende logo, este é o camiño a seguir, pero cómpre ir máis alá. Sería ideal dispoñer de catro trens destas características por sentido e día, xa que paran en todas as estacións intermedias, cousa que o Alvia de Barcelona non fai, e menos agora que circulará polo Eixo Atlántico. De feito, dende aquí apostamos porque o eixo Vigo - Ourense - Monforte - Ponferrada constitúa un triplo núcleo de Cercanías, co obxectivo principal de combatir a despoboación, xa que o único medio de transporte que fixa poboación é o ferrocarril. Polo que, máis alá de realizar a ruta completa (que tamén é necesario) o que cómpre facer é establecer trens entre Vigo e Ourense, entre Ourense e Monforte (con prolongacións a Lugo, podéndose crear un servizo Vigo - Lugo, hoxe inexistente), e entre Monforte e Ponferrada (para o cal habería que poñer de acordo a dúas comunidades autónomas). No caso da Área Metropolitana de Vigo, é capital dispoñermos dunha circulación constante de trens pola Liña do Miño, atendéndose, deste xeito, as áreas sanitarias de Vigo e Ourense, á PLISAN, á cidade de Tui (descolgada do resto da rede de xeito infame debido a que entre Guillarei e Valença non hai electrificación ferroviaria, se ben o Ministerio do ramo está a traballar nisto, estando a electrificación completada do lado portugués), e ás propias cidades de Vigo e Ourense, fomentándose así o retorno da poboación aos pobos, a desconxestión das estradas, a redución da dependencia do vehículo particular, reducindo as emisións de gases de efecto invernadeiro e demáis monsergas ecoloxistas repetidas a destra e sinistra por políticos que non saben o que é un tren de cercanías.

Cómpre salientar que a Liña do Miño (así como o Túnel de Oursl e outras infraestruturas ferroviarias galegas) é unha liña na que un goberno socialista está facendo obras de mellora, e que leva sen tocarse dende os anos 80, cando foi electrificada por outro goberno socialista. ¿Casualidade?

No hay comentarios:

Publicar un comentario