(Obras do Plan Parcial de Navia)
O Polígono de Navia é o barrio máis novo de Vigo, e vai camiño de converterse no máis poboado da cidade olívica. Porén, padece unha serie de carencias en materia de servizos (en toda Coia non se dispón de biblioteca algunha, do mesmo xeito que en Navia, máis alá do debate do famoso instituto, que ao parecer levará o nome de Domingo Villar), e o transporte urbano non é unha excepción.
Actualmente, Navia non dispón dunha liña de autobús directa co Hospital Álvaro Cunqueiro (do mesmo xeito que Coia e Bouzas, xa que se dá por sentado que todo o mundo ten coche e que todo o mundo vai pola VG-20), nin co CUVI (sen ter en conta a liña 15C, que supón máis dunha hora de percorrido, e unha saída matutina da U1), e a liña 13 comunica o polígono co Hospital do Meixoeiro en horario de oficina (de 9 a 7, polo que para entrar a traballar de mañán, ás 08:00, e de noite, ás 22:00, non resolve o problema).
Agora mesmo, Navia dispón da liña 5 (A e B), da 13 (só en laborables) e da 15 (que, segundo Vitrasa, chega alí como 15A e sae de alí como 15B ou 15C dirección Samil). Máis alá de meter o C3 alí (de xeito que dende Coia entre en Navia e saia cara Bouzas, e viceversa, aínda que se perdería o servizo por Tomás Paredes, polo que suporía un problema), aquí poñemos sobre a mesa unha proposta do gusto de Vitrasa, que tanto interese ten en fusionar liñas para recortar servizos: consiste na unión formal das liñas 4A e 4C, sendo circulares na zona do Calvario. Propoñemos isto porque actualmente o percorrido destas dúas liñas é esencialmente o mesmo, xa que agora é a 16 a que vai por Fragoso, canda a 23. O resultado da nova liña, rotulada como 4, sería o seguinte:
• Ampliación dende Coia: como fai actualmente a 15A (entrando por Teixugueiras e saíndo por Limpiño, aínda que o seu sería que fixese a rúa Teixugueiras en toda a súa lonxitude, ou que atendese o colexio Pedra Seixa, o cal sería conveniente de cara as prolongacións a Muíños dos domingos)
• Prolongacións a Muíños e Samil: pasarían a facerse en fins de semana e en tempada de verán, en todas as viaxes, e durante a semana en función da demanda (experimentalmente). O percorrido a realizar dependerá da apertura das novas estradas en Navia que a comunicarán coa Rúa de San Paio.
• Circular na zona do Calvario e posible ampliación a Teis ou Buenos Aires: Na zona do Calvario, e tendo en conta cómo fai o percorrido a liña 23 actualmente (Travesía - Xenaro - Mtnez. Garrido - Gregorio Espino), realizaríase o percorrido de xeito inverso, é dicir, dende Travesía de Vigo, 8 por Gregorio Espino, Martínez Garrido e Jenaro de la Fuente, para dende aquí baixar a Aragón e Travesía de Vigo ata a última parada antes da rotonda de Buenos Aires. A volta sería en sentido inverso, Travesía - Aragón - Jenaro - Travesía de Vigo, 9 e percorrido actual. Dende a Rotonda de Buenos Aires, podería ampliarse ou ben por Ángel de Lema ata o Cemiterio de Teis (como fai actualmente a L10), ou ben por Buenos Aires, Avenida de Galicia, Marina Española e Ríos (apoiando os ocos horarios da 17). Ou poderían facerse ambas as ampliacións, en viaxes alternas.
Frecuencia
Ao ser o produto da fusión de dúas liñas existentes, asumiríase a frecuencia combinada regulada das dúas liñas existentes, é dicir, eliminando as frecuencias dinámicas e regresando aos 15 minutos (catro autobuses por hora). En fins de semana débese impoñer unha frecuencia de 30 minutos, manténdose a última viaxe das 23:00.
Servizos a Stellantis
Hai xente en Vitrasa que pensa que as fins de semana e polas noites non se traballa en Stellantis, y como ni Dios va allí, no pongo el autobús, y si hay alguien que por lo que sea no conduce, se jode y va andando o paga un taxi. Isto débese resolver inmediatamente, do seguinte xeito:
• Viaxe das 5:00: débese manter como está, saíndo do barrio do Calvario. Á súa vez, se se implantasen as ampliacións a Teis e Ríos desta liña, engadiríanse servizos especiais dende estes puntos.
• Viaxe da liña "PSA-1" das 12:50: debe ser duplicada, mandando o que se coñece como "coche escoba".
• Turno de noite: débese enviar un autobús para a entrada ás 10 da noite, de domingo a xoves.
• Turno de fin de semana: hai un turno de 06:00 a 19:15 e outro turno de 09:00 a 21:00. Débese ter en conta esta circunstancia, como mínimo, no caso dos sábados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario