viernes, 8 de mayo de 2026

Da reforma da liña do Miño

A través desta noticia de La Voz de Galicia puidemos coñecer as actuacións que se realizarán ao longo da liña do Miño entre Guillarei e Ourense, pendentes de licitación. Así, adaptarase a electrificación a 25.000 V 50 Hz, para harmonizarnos con Portugal, así como as estacións de Barbantes, Frieira e Salvaterra, que serán adaptadas para poder acoller trens de 750 metros. Dividiranse as actuacións en tres bloques: Ourense - Filgueira, Filgueira - Arbo, e Arbo - Guillarei. Isto non é casualidade, xa que responde á ubicación das subestacións (Frieira, Sela e Guillarei) de tracción que alimentan a catenaria, no caso de Arbo ubícase no apeadeiro de Sela, pertencente á vila da lamprea.

No entanto, entre Guillarei e Vigo estase a executar a catenaria de 25.000 V, tendo constancia este medio da instalación de ménsulas tubulares na contorna das Gándaras. A construción do apeadoiro de Chapela e a reforma dos túneles, especialmente o túnel de Os Valos, avanzan a paso de xigante grazas ao corte da circulación por obras na infraestrutura. Neste sentido, insistimos na importancia do establecemento dun servizo de cercanías entre Vigo e a estación raiana de Valença, coas seguintes paradas: Vigo, Chapela, Redondela, Louredo-Valos, O Porriño, As Gándaras, Tui-Centro e Valença do Minho. Por outra parte, xa mencionábamos que se debería de acometer a mesma actuación, polo menos ata As Neves (PLISAN), no seu caso con parada en Guillarei e non en Tui, Caldelas, Salvaterra, As Neves, PLISAN, e con viaxes que amplíen percorrido ata Arbo, Frieira e Filgueira.

Asemade, a liña do Miño debe manter o ancho ibérico de 1668 milímetros, polo menos até que Portugal decida adoptar o ancho internacional en todo o país, xa que sería ridículo instalar un cambiador de ancho en Tui.

Nesta outra nova, exclusiva para subscritores de La Voz, trátase o tema da descarbonización. O titular reza: «[Entre Vigo e Pontevedra] É imposíbel descarbonizarse». Sen un tren de cercanías que una ambas capitais, dende logo que si. E así seguirá, até qué o Goberno Español, o Goberno Galego ou ben o Goberno Metropolitano, que debe ser activado pola Alcaldía de Vigo inmediatamente, sen importar as cores politicas do resto de municipios, tomen unha determinación contraria e establezan este servizo tan necesario. Monbus non ía deixar de perder cartos, xa que á xente do Viso, de Ventosela, de Cedeira, de Antas..., hai que movela (contratos XG-817 e XG-624). E hai estacións entre Vigo e Pontevedra que teñen potencial para seren transformadas en intermodais, nomeadamente Redondela e Arcade (aínda que a intermodalidade consista na colocación dunha marquesina ao pé do edificio de viaxeiros). Un centro de operacións na estación "vella" de Redondela pode resultar especialmente interesante para Autos González, establecendo servizos con Cedeira, ou coaa estación de alta velocidade que suban ata Reboreda, ou ben ata o Castelo de Soutomaior pola actual ruta do Viso. Do mesmo xeito, o servizo a Vilar debe ser ampliado (en horario e percorrido) ata o Aeroporto de Peinador. Deste xeito, para todos os corredores operados por González sairíase da estación, entraríase no municipio (facendo o percorrido pola Farola e volta por Ernestina Otero, segundo proceda) e dende aquí a cada destino (Reboreda, Vilar, Viso...), para non deixar Vilavella sen servizo.

O mesmo, e moi especialmente, pódese aplicar no Porriño e nas Gándaras, xa que dende alí a xente baixaría do tren para coller buses que leven a Salceda, Chenlo, Cans, Budiño, Confurco, ou mesmo Ponteareas (opción especialmente interesante para Ojea: buses Porriño - Ponteareas - Leirado - As Neves cada media hora, cadenciados co tren). O mesmo principio se pode aplicar nas Neves.

A convivencia entre os diferentes medios de transporte está máis que garantida. Para Lugove, pola súa parte, establecer servizos entre Tui e a Guarda cada 30 minutos cadenciados co tren sería un negocio redondo, o mesmo con Salceda, Tomiño, O Rosal, Oia, Camposancos, Gondomar, a liña do interior por Mosende e Vincios, a liña a Salceda...

No caso de Salceda de Caselas, e dado o seu incremento de poboación (9.409 habitantes segundo o INE de 2025) podería ser interesante unha conexión por autobús coa estación de tren de Caldelas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario