sábado, 11 de abril de 2026

Un tranvía para ir ao fútbol e ás praias

Dado que o Celta xoga competición europea, e é moi probable que volte xogala o ano que vén, imaxínome aos celtistas que viaxaron a Lyon, Belgrado ou, máis recentemente, Friburgo, todas elas cidades con redes de tranvía, xa por non falar do Metro de Tesalónica, do Tranvía de Zagreb, ou do complexo Stadtbahn de Stuttgart, cidades visitadas polo celtismo nesta andaina por Europa (únicamente Razgrad, casa do Ludogorets, non dispón de tranvía). Aliás, Tesalónica tampouco, tendo escollido construír dúas liñas de metro). Se o Celta pasase a semifinais (para o cal hai que crer que se pode remontar un 3-0 en contra, e o noso Clube conseguiu a famosa permanencia do 4%), o celtismo podería visitar o elevador do Bom Jesus de Braga, un dos funiculares máis antigos do mundo, ou ben o Metro de Sevilla, así como o seu tranvía. Xa na final, que se celebrará en Estambul, temos a súa rede de Metro, que forma parte do complexo sistema de transporte público da antiga capital turca. E ante isto, o celtismo (vigués e non vigués), preguntarase por que en Vigo se eliminaron caciquilmente os tranvías, e por iso aquí propoñemos un tranvía que pase por Balaídos e que beneficie principalmente a Coia. Sobre a rede histórica de tranvías de Vigo podedes ler nesta ligazón, da que saquei as imaxes que vou publicar aquí.

Así, o sistema proposto tería a súa estación principal na Grada de Río, concretamente na súa beirarrúa, facendo os arranxos necesarios para reubicar as prazas de aparcamento alí existentes. Continuaría pola avenida de Citroën ata a rotonda na que esta remata, para bifurcarse en dúas ramas: a primeira discorrería pola Estrada de Camposancos e a Estrada do Vao, para dar servizo á praia do Vao e ao Estadio do Coruxo Club de Fútbol, entidade histórica da 2ª división B e coñecida pola súa canteira. Igualmente, alí habería que suprimir ou reubicar as prazas de aparcamento actuais. A segunda rama discorrería polo lateral da VG-20, entrando na rotonda que ten saídas cara Coia e Navia (podéndose meter tamén en Navia, por exemplo, dando a volta na rotonda de Avd. Europa e entrando por Limpiño, circulando a rúa Teixugueiras en toda a súa lonxitude e mesmo facéndoo chegar ata o CEIP Daniel Castelao, e dando servizo tamén ao futuro instituto), continuando polo lateral da VG-20 dirección Samil, para chegar á rotonda con Avenida de Europa e entrar nesta estrada; ao chegar á rotonda coa Avenida de Samil, discorrería cara ao polideportivo, xa que aquí o transporte urbano ofrecido por Vitrasa é prácticamente nulo. Incluso facendo un estudo de ocupación da estrada que comunica Samil e o Vao (PO-325, se non lembro mal) poderíase construír máis vía por aí e unir as dúas ramas entre si, creando un percorrido circular.

Mirando cara ao Centro, dende a estación da Grada de Río poderíase continuar pola rúa Val Miñor, a avenida de Fragoso, Praza de América, Gran Vía, Praza de España, Gran Vía, Urzáiz, Colón, García Barbón (cunha parada ao pé de Serafín Avendaño, para entrar na estación de Vigo Urzáiz a través do HALO), ata o nó de Isaac Peral, entrando por Areal cara á estación de Vigo Guixar, comunicando así o estadio coas tres estacións de transporte de Vigo. Incluso poderíase subir por García Barbón e Sanjurjo Badía até a Rotonda da Marina Española, en Teis, para dar servizo a este barrio e á Peña Celtista «Oliveira de Teis». En Sanjurjo Badía (por ser unha das avenidas máis concorridas de Vigo), débese desviar o tráfico por Montecelo Baixo, dunha banda, e por Doutor Corbal, rúa dos Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres e a rúa de Enrique Lorenzo, rúa Guixar e rúa de Julián Estévez, doutra.

Unha posible reconexión co centro, pechando o circuíto, poderíase facer dende Sanjurjo Badía, 252 (Caños), por Buenos Aires, Travesía de Vigo (e, ou ben, directamente por aí, para desconxestionar a rúa, ou ben por Aragón e Jenaro de la Fuente, para dar servizo ao Calvario), para chegar a Gregorio Espino e circular polo lado dereito da Avenida de Madrid en sentido Praza de España, recuperándose a liña con Gran Vía nese punto.

Do mesmo xeito que o Atlético de Madrid investiu dez millóns de euros na mellora da mobilidade na contorna do seu estadio, este proxecto de tranvía podería estar participado polo R. C. Celta, xa que se vería beneficiado coa súa estación central na Grada de Río (marxe dereita da imaxe superior do Estadio de Balaídos). Sábese que o Celta vai financiar íntegramente a conexión da VG-20 coa AG-57 para mellorar o acceso a súa Cidade Deportiva, cun custo de entre 800.000 e un millón de euros, segundo diversas fontes.

Dito todo isto, esperamos opinións. Dende República Olívica compartiremos esta entrada con TQHT Podcast, Grada de Río e outtos axentes sociais vinculados ao celtismo, así como co Clube de Fútbol Coruxo. Faltarían por determinarse os custos e os prazos das obras, para o cal podemos acudir a unhas das redes de máis recente creación en España, o Tranvía de Vitoria. Aquí cremos nun medio de transporte limpo, seguro e eficiente, e a cidade non ten por que endebedarse de xeito catastrófico, como preconiza o noso alcalde, xa que se poden solicitar Fondos Europeos para este tipo de proxectos, concedidos para a construción, remodelación e adaptación a estándares máis altos de calidade e seguridade en diferentes redes de tranvía da Unión Europea, así como a colaboración dos Ministerios de Transporte, Turismo e Comunicacións e de Transición Ecolóxica.

Finalmente, propoñemos un nome para a Estación do Estadio de Balaídos: “Grada de Río - Iago Aspas”. E sobre a conexión coa Cidade Deportiva Afouteza, falaremos no seguinte artigo (un tranvía para o CUVI).

1 comentario:

  1. Paréceme voa idea,pero as ruas son moi estreitas e non sei se sería compatible.

    ResponderEliminar